Despois da creación do primeiro equipo de voleibol nesta tempada 21-22, a celebración de xornadas de tecnificación de deportistas/as galegos/as e unha concentración de dúas seleccións nacionais sub 16 o pasado decembro, a Federación Galega de Voleibol e o Concello de A Estrada seguen afianzando o noso deporte na localidade.
No día de hoxe, xunto a outras federacións deportivas galegas e representada polo Secretario da entidade Jose Ramón Baña, a FGVb firmou un convenio co obxecto de mellorar e facilitar o desenvolvemento deportivo do voleibol galego e a súa promoción no Concello.
A través deste convenio o Concello de A Estrada cederá o uso das instalacións necesarias, de xeito gratuito, para os eventos e/ou actividades que a Federación organice na Estrada, dentro do programa de tecnificación de xogadores/as, árbitros, oficiais de mesa e persoal federativo.
A Federación Galega de Voleibol organizará na Estrada de xeito anual, como mínimo, unha Fase Final autonómica de calquera categoría federada, ou un encontro promocional cumprindo con protocolos vixentes, en data a determinar. Tamén colaborará naqueles actos e/ou eventos de promoción deportiva orientados os clubs locais ou as Escolas Deportivas Municipais e aportando material para elas.
En base a estos convenios, xa están confirmadas a día de hoxe unha concentración da Selección Española Feminina Sub 16 de voleibol, así coma as concentracións previas aos CESA 2022 das Seleccións Galegas o 28 e 29 de maio e o 25 e 26 de xuño.