Mañán día 5 de outubro, na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela, Manolo Martínez recibirá a Distinción ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia. O Monfortino, que leva máis de 40 anos adicados ao deporte na nosa comunidade e en especial ao voleibol, fai un repaso ca FGVb da súa traxectoria e o que supón este galardón.
- O primeiro parabéns pola Distinción ao Mérito Deportivo 2022, un galardón máis que merecido pola túa traxectoria. Supoño que estarás a recibir moitas felicitacións, como estás a vivir todo isto?
Moitas grazas tamén a vós, porque sen a faceta organizativa da Federación esto non tería chegado.
En canto as felicitacións, estou sorprendido pola repercusión que provocou a través das redes sociais, xa que moitas persoas do volei de finais e principios de século, apareceron de novo na miña vida para darme estes parabéns; o que fixo que unha vez máis eses amigos estén presentes e me recorden os bos momentos que pasamos co volei por todo Estado. Mesmamente a moitísimas persoas de todo Galicia e en especial de Monforte.
- Falemos dos teus inicios. Como foi o teu primeiro contacto co mundo do voleibol? Sabemos que comezaches no mundo do fútbol…
Os meus comenzos no deporte, unha vez rematado o INEF en Madrid foi o fútbol, xa que había cursado esta especialidade na carreira. Primeiro o fora como xogador e logo como adestrador en diferentes equipos, de iniciación atá a Rexional Preferente.
Logo a través do Instituto e a petición dunhas rapazas que no colexio fixeran voleibol no deporte escolar, pedíronme facer un equipo e aí foi o cerne do comenzo no noso deporte.
- Recordas o teu primeiro partido como adestrador? Que cambiaches na túa forma de adestrar ao longo dos anos?
Non recordo o primeiro partido, anque sei que foi en escolares. Cambiei moitas cousas. Pensa que dende un coñecemento mínimo das bases técnico-tácticas no INEF, pasei a enfrontarme con sistemas tácticos moito máis avanzados.
Por todo elo eu tiven que pasar a facer o Título Nacional e con elo coñecer os últimos sistemas, e no que marcou en min unha impronta o entoces seleccionador masculino de España, o cubano Gilberto Herrera coas suas marabillosas ensinanzas técnicas e tácticas saídas naquel entón da Escola Cubana.
Esto e a cantidade de cursos de especialización realizados, deu lugar a estar sempre na élite das novas correntes que foron aparecendo e que na medida do posible intentei trasladar a miña labor como adestrador.
- Cal foi o maior reto acadado no voleibol? De que te sintes máis orgulloso despois de tanto tempo?
O reto maior foi conquerir que Monforte fora unha Cidade na élite do Voleibol de España, e principalmente chegar a elo.
Pero non podo esquecerme da introducción do volei feminino na Cidade, onde unha muller podía empezar e rematar a súa vida deportiva facendo voleibol, de aí que tantas rapazas practicaran e practiquen voleibol en Monforte.
E por suposto a consecución de tres Campionatos de España de categorías Xuvenil e Cadete acadadas como adestrador.
- Botando a vista atrás, como viviches todo o camiño? que balance fas de tantos anos no mundo do voleibol?
Recordos imborrables, de amigos feitos en toda España. Dende xogadoras, adestradores, directivos, Presidente e membros federativos. O coñecer práticamente a todo mundo que se moveo no voleibol galego e ver durante bastantes anos o Pavillón Municipal da Pinguela ateigado de xente.
- De quen te acordas? Que apoios consideras fundamentais en todos estes anos?
De moita xente que traballamos cóbado con cóbado para levar esto adiante. Xogadoras, directivos, afección: ao igual que o apoio de moitas persoas en distintas administracións que sempre che deron ese plus para ir para adiante.
De toda aquela xente que xuntos conquerimos traer Campionatos de España, Copas da Raiña, Campionatos Galegos, un Preuropeo Junior e ata un Internacional Masculino absoluto España-Cuba.
- Como valoras o voleibol galego na actualidade? Hai algo que botes en falta con respecto ao pasado?
De menos, quizais máis cercanía e solidaridade contra rivalidade que a veces quere pasar por enriba da ética. Como valoración do nivel? Dicir que extraordinario, tanto cuantitativa como cualitativamente. Especialmete dende a chegada de José Ángel Luna a Presidencia, que lle deu unha estabilidade que antes non tiña.
- O gran traballo realizado cos máis pequenos/as ao longo de tantos anos é indiscutible . Que factores consideras fundamentais na formación e no deporte base?
Esforzo, educación e traballo. Con esas premisas todo ven rodado, hai adestradores de calidade, clubes que antepoñen os intereses colectivos aos individais e persoas volcadas co voleibol sen ningún interés lucrativo.
- Pola tua pizarra pasaron xogadoras de referencia no panorama nacional. Que sintes ao velas competir ao máximo nivel e incluso na Selección Española?
Grandes emocións. Ver xogadoras que saen do teu Clube e logo representan a España ao máximo nivel, é indescriptible. Especialmete emocionante foi o día que vendo un partido da Selección, había ao mesmo tempo tres xogadoras (de seis) que saíran do Clube, ese foi un día moi indescriptible para mín. Monforte principal cidade do voleibol español ese día.
- Cómo ves o futuro do volei galego?
Como antes dixen cunhas perspectivas moi esperanzadoras porque xa estamos na cima do voleibol en España.
- Qué retos che quedan? Como afrontas o que queda por diante?
Retos específicos ningún en especial. Axudar a que este deporte siga subindo o seu nivel dentro das miñas posibilidades e nos lugares que máis útil poida resultar.