

A Real Federación Española de Voleibol vén de asignar á cidade de Ourense como sede para a celebración da Fase Final da Primeira División Nacional de Voleibol Feminino, que se disputará do venres 25 ao domingo 27 de abril no Polideportivo O Pompeo.
Este torneo, organizado conxuntamente polo Club Voleibol Ourense e a Real Federación Española de Voleibol, decidirá os equipos que ascenderán e disputarán a próxima tempada na competición nacional da Superliga 2 de Voleibol Feminino.
A elección da cidade de Ourense como sede do campionato supón un recoñecemento á labor que leva desenvolvendo nos últimos anos o Club Voleibol Ourense na promoción do voleibol, apostando pola canteira e demostrando unha gran experiencia na organización de eventos desta magnitude, como xa se ten visto en fases finais anteriores celebradas na capital ourensá.
A Fase Final disputarase nas instalacións do Pavillón O Pompeo do IES Otero Pedrayo e contará con acceso libre para todos os afeccionados. Reunirá ao campión e subcampión dos tres grupos nacionais da Primeira División de Voleibol Feminino: Club Voleibol Sayre de Gran Canaria, Aceites Abril Club Voleibol Ourense, Sant Quirze del Vallès (Barcelona), Agrupació Esportiva Carles Vallbona Granollers (Barcelona), Universidade de Granada e Club Voleibol Fuentes de Andalucía (Sevilla).
O torneo comezará o venres 25 de abril e prolongarase durante tres días, disputándose baixo o sistema de competición de todos contra todos con dous grupos de tres equipos. O sábado pola tarde disputaránse os partidos correspondentes ás semifinais e o domingo pola mañá concluirá o torneo co partido polo terceiro e cuarto posto a partir das 10:00 horas, seguido da gran final, que se disputará a partir das 12:30 horas e proclamará ao equipo gañador como o campión absoluto da Primeira División Nacional de Voleibol Feminino.
