

O Club Voleibol Ourense presentou onte a Fase Final da Primeira División Nacional Feminina de Voleibol que se disputará en Ourense dende o venres 25 ata o domingo 27 de abril no Polideportivo O Pompeo. Este torneo, organizado conxuntamente coa Real Federación Española de Voleibol, decidirá os equipos que ascenderán e xogarán a vindeira tempada na Superliga Feminina de Voleibol.
A Fase Final de acceso disputarase dende o venres no Pavillón de O Pompeo do IES Otero Pedrayo da capital ourensá, con acceso libre para todos os afeccionados, e reunirá ao campión e subcampión dos tres grupos nacionais da Primeira División de Voleibol Feminino: Club Voleibol Sayre de Gran Canaria, Aceites Abril Club Voleibol Ourense, Sant Quirze del Vallès (Barcelona), Agrupació Esportiva Carles Vallbona Granollers (Barcelona), Universidade de Granada e Club Voleibol Fuentes de Andalucía (Sevilla).
Este torneo comeza o vindeiro venres e durará tres días, disputándose once partidos consecutivos. Na primeira fase haberá un sistema de liga entre os dous grupos de tres equipos cada un:
Equipos do grupo A: Club Voleibol Sayre, AEC Vallbona, Universidade de Granada
Equipos do grupo B: Club Voleibol Ourense, CV Fuentes de Andalucía e Sant Quirze del Vallès
Na xornada do sábado pola tarde disputaranse os partidos correspondentes ás semifinais e ao quinto e sexto posto. Na xornada do domingo pola mañá concluirá o torneo co partido polo terceiro e cuarto posto a partir das 10:00 horas e coa gran final, que se xogará a partir das 12:00 horas e proclamará ao gañador como Campión da Primeira División Nacional de Voleibol Feminino.
No acto desta mañá tamén se presentaron os trofeos e medallas que recibirán todos os equipos participantes, así como a camiseta conmemorativa do torneo, que todos os afeccionados ao voleibol poderán adquirir na tenda oficial do club que estará instalada no Polideportivo O Pompeo durante todos os partidos desta competición.
Todos os once partidos desta Fase Final serán retransmitidos por streaming a través da páxina web da Real Federación Española de Voleibol.
Para a organización deste torneo, o Club Voleibol Ourense conta coa colaboración da Xefatura Territorial de Deportes da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Ourense, Galicia Calidade, Aceites Abril e IGP Pan de Cea, entre outros, co obxectivo de promocionar os atractivos turísticos e gastronómicos da nosa cidade e provincia entre os equipos participantes no torneo e os seguidores que os acompañen durante estes tres días de competición.

