A Copa Galicia, que non se levara a cabo na súa edición de 2020 debido á crise sanitaria, volveu a San Sadurniño nunha edición con moito nivel, debido á gran actuación dos equipos galegos na pasada campaña.
O evento comezou o sábado ca competición feminina, na que participaban o Arenal Emevé, CV Bruxas, Aceites Abril Ourense e Autos Cancela Zalaeta. Na xornada de mañán as lucenses venceron en tres sets as de Bertamiráns, clasificándose para a final. Pola súa banda, as coruñesas do Autos Cancela Zalaeta impuxéronse ás de Ourense cun 3-1 que as colocaba na loita por revalidar o título conseguido na derradeira edición.
Co comezo da tarde, o CV Bruxas acadou a medalla de bronce nun disputado 3-2 contra o Aceites Abril dando paso á gran final. O partido que decidiría as campioas sería a repetición da edición anterior, pero esta vez con resultado inverso, ao vencer as de Lugo por 3-1 con Ainara Burgo como MVP da final.
O domingo continuose ca categoría masculina, enfrentando ao Arenal Emevé, Aldebarán San Sadurniño, Boiro Voleibol e Dumbría Volei. Abrirían a competición os de Lugo e Dumbría, nun partido que se solventou en tres sets, dando paso a un emocionante Boiro – Aldebarán que se decantou polos anfitrións en 5 sets.
Na loita polo terceiro e cuarto posto, o Dumbría voleibol vencería os de Boiro tamén nun 3-2, dando o pistoletazo á final que decidiría os campións masculinos da XXXVIII edición. No partido que pecharía a fin de semana, o Arenal Emevé conseguiría o dobrete ao superar aos de Sansadurniño por 3-1 con Joaquín Alzueta como xogador máis valorado.
Nas cerimonias de premiación, o Alcalde do Excmo Concello de San Sadurniño D. Secundino García Casal e o Presidente da Federación Galega de Voleibol D. Jose Ángel Luna entregarían os galardóns aos equipos participantes. De novo grazas a todos os clubs pola súa implicación neste campionato, así coma ao club local e ao Concello de San Sadurniño polo apoio no desenvolvemento do torneo.