Hoxe tivo lugar no salón de actos do Concello de Cambados a presentación da XL Copa Galicia, ca asistencia de Noelia Gómez, Concelleira de deportes e mocidade de Cambados, Suso Bao do club local XAV Cambados e o Presidente da Federación Galega de Voleibol, D. Jose Ángel Luna Bargo.
A competición, feminina o sábado 23 e masculina o domingo 24, compartirá o mesmo esquema ao longo da fin de semana, deixando as dúas semifinais para a xornada de mañan (10:00 e 12:00 horas) e gran final para as 17:30.
O sábado, a competición feminina enfrontará na primeira semifinal da mañán ao Arenal Emevé contra o Conforgal Xuvenil Teis, quedando o enfrontamento do vixente Campión Autos Cancela Zalaeta contra o Aceites Abril Voley Ourense para as 12:00 horas.
O domingo será a quenda da competición masculina, que se abrirá co Arenal Emevé contra o Volei Dumbría no primeiro encontro, deixando a defensa do título por parte do Intasa San Sadurniño ante o Club Vigo Voleibol para as 12:00 horas.
A Federación Galega de Voleibol quere agradecer ao Concello de Cambados e ao club anfitrión, o XAV Cambados, a súa colaboración para a consecución deste evento, que comeza a celebración dos 40 anos do volei galego.