
A cidade da Coruña volve a ser o epicentro do volei praia galego no mes de xullo. O proxecto » A Coruña é Vólei Praia», que cumple este ano a súa quinta edición, chega un ano máis da man do Concello da Coruña e a Federación Galega de Voleibol, con colaboración do grupo GADISA.
O proxecto comeza este fin de semana ca celebración do IV Trofeo Cidade da Coruña, proba 1* do Circuito Nacional de Vólei Praia, e que se disputará o sábado 12 dende as 10 da mañán ata as 20 horas, quedando as semifinais e finais para as 10 da mañán do domingo. A continuación os mellores xogadores galegos/as loitarán polo título de Campión Galego da Temporada 2025, pechando o proxecto os días 19 e 20 de xullo.
Manuel Vázquez puxo en valor A Coruña como unha cidade de referencia a respecto ao desenvolvemento de eventos deportivos en espazos naturais, “A Coruña é Volei Praia xa é un clásico estival que se convertiu nunha cita moi esperada polo público que volverá a encher as gradas da Praia de Riazor. Este torneo define á perfección a idea da nosa alcaldesa de aproveitar as localizacións ao aire libre para fomentar a práctica do deporte e os hábitos saudables, visibilizando disciplinas en auxe coma o vólei praia e achegándoas á cidadanía, tanto aos adultos coma aos máis pequenos”.
No acto de presentación de ‘A Coruña é Vólei Praia’ tamén participaron: José Ángel Luna (presidente da Federación Galega de Voleibol); José Luis Fernández (director de Comunicación de Gadisa); Tania Cobos (representante do A.D. Liceo); Nicolau Santos (CV Zalaeta); Luis Miguel Fernández (CV Ciudad de A Coruña) e Sebastián Fernández (Coruña Beach Club).






