

As parellas formadas por Aarón Vidal e Víctor López (Sub-21) e Manuel González e Mateo González (Infantil Masculino) coróanse como Campións de España, mentres que Rodrigo Gómez e Gael Vilarchao (Cadete Masculino) colgan a medalla de bronce.
O vólei praia de base en Galicia atópase nun dos momentos máis doces da súa historia. Tras o peche dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de Vólei Praia, a expedición galega regresa a casa con un balance inmellorable: tres podios nacionais que certifican o excelente traballo de formación e o gran nivel competitivo dos nosos deportistas.
Dous ouros e un bronce para o recordo
A colleita de éxitos comezou nas canchas da Praia de Las Canteras (As Palmas de Gran Canaria) durante a disputa do CESA Sub-21. A parella integrada por Aarón Vidal e Víctor López completou un torneo impecable, proclamándose Campións de España tras dominar a competición de principio a fin e alzarse co ouro sen ceder un só set en todo o campionato.
A racha triunfal tivo continuidade no Centro Internacional de Lorca (Murcia), escenario dos campionatos de categorías Infantil e Cadete. Na categoría Infantil Masculina, Manuel González e Mateo González asinaron un torneo memorable no que se proclamaron Campións de España, exhibindo un xogo sólido e efectivo que os levou ao máis alto do podio.
A representación masculina pechouse cunha nova alegría na categoría Cadete Masculina, na que a parella formada por Rodrigo Gómez e Gael Vilarchao completou un gran papel clasificatorio para acadar unha loitada medalla de bronce, subindo ao terceiro chanzo do caixón estatal.
Estes tres podios no CESA veñen a consolidar o traballo e a dedicación que se realiza dende os clubs e a propia Federación Galega de Voleibol na promoción e desenvolvemento do vólei praia dende as categorías inferiores. Dende a FGVB queremos felicitar publicamente a todos os deportistas, técnicos e familias polo seu esforzo e comportamento exemplar durante estas semanas de competición, así como polo orgullo co que representaron os cores da nosa comunidade en cada partido.
Parabéns a todos e grazas por facer grande o #voleipraiagalego!




