
O Circuíto Provincial da Coruña de Vólei Praia de Categorías Inferiores 2026 puxo o punto final a unha tempada estival cargada de competición, aprendizaxe e talento novo sobre a area. A iniciativa federativa, organizada co impulso da Deputación da Coruña, percorreu diferentes puntos estratéxicos da provincia levando o mellor vólei praia de base ás categorías alevín, infantil, cadete e sub-19.
A andaina comezou na praia fluvial de A Granxa (San Sadurniño), onde as futuras promesas abriron o calendario provincial amosando un alto nivel de xogo. A competición continuou despois na praia de Tanxil (Rianxo), nunha parada decisiva que repartiu puntos fundamentais para os rankings oficiais, antes de desembarcar na praia das Delicias (Sada) para celebrar o gran peche do circuíto tras o aprazamento sufrido a comezos de xullo por mor das altas temperaturas.
Un trampolín cara aos Campionatos Galegos e de España
Ao longo de todas as súas sedes, o Circuíto Provincial consolidouse como a plataforma idónea para o desenvolvemento dos xoves talentos dos clubs galegos. Ademais da loita polos cadros de honra en cada localidade, as parellas participantes sumaron puntos estratéxicos de cara á clasificación para os Campionatos Galegos e os torneos de carácter estatal.
Agradecementos institucionais
Dende a Federación Galega de Voleibol queremos trasladar o noso máis sincero agradecemento á Deputación da Coruña polo seu apoio incondicional e compromiso constante co fomento do deporte base. Así mesmo, agradecemos a estreita colaboración dos concellos e clubs locais de San Sadurniño, Rianxo e Sada, xunto a Veolia como partner ecolóxico, cuxo traballo e facilidades foron fundamentais para facer de cada parada un auténtico éxito organizativo e de participación.
A continuación deixamos os tres primeiros clasificados por cada cateogoría:






