
O torneo serviu de reestrea para o Pavillón de Elviña, que rexistrou unha grande asistencia de público e un ambiente inmellorable durante toda a fin de semana.
Ambos conxuntos repetiron os triunfos da pasada edición tras superar na final ao Autos Cancela Zalaeta na categoría feminina e ao Club Vigo Voleibol na masculina.
A Copa Xunta de Galicia 2026 xa ten gañadores tras unha intensa e apaixonante fin de semana de voleibol no Pavillón de Elviña. A cita, que serviu como estrea oficial das renovadas instalacións do recinto coruñés, saldouse cun gran éxito organizativo e deportivo, destacando a excelente resposta do público, que encheu as bancadas ao longo do sábado e do domingo para arroupar a todos os equipos participantes.
No plano deportivo, o torneo coroou ao Arenal Emevé na categoría feminina tras un disputado choque ante o conxunto local, mentres que o Intasa San Sadurniño fíxose coa vitoria na categoría masculina ante o conxunto vigués, nunha fin de semana que serviu de arranque competitivo para a nova tempada.
Con estes resultados, tanto o Arenal Emevé na categoría feminina como o Intasa San Sadurniño na masculina volven erguer o trofeo autonómico, revalidando os triunfos obtidos na edición de 2025. Unha continuidade na parte alta do podio que pon de manifesto o traballo que veñen desenvolvendo ambos clubs nas últimas tempadas.
Sábado de intensa competición feminina
A xornada do sábado abriu coas semifinais femininas, onde o Arenal Emevé e o Autos Cancela Zalaeta acadaron o pase á final tras superar ao CV Ciudad de A Coruña e ao Aceites Abril Voley Ourense, respectivamente, en dous duelos moi loitados.
Na final da tarde, o conxunto lucense e o conxunto coruñés ofreceron un encontro igualado e de alto nivel que se decidiu nos pequenos detalles, caindo a balanza finalmente do lado do Arenal Emevé. O Autos Cancela Zalaeta acadou o subcampionato, mentres que o CV Ciudad de A Coruña e o Aceites Abril Voley Ourense compartiron a terceira posición.
O Intasa San Sadurniño adxudícase a final do domingo
O domingo medíronse os catro conxuntos do cadro masculino. Tras unhas semifinais moi disputadas na quenda de mañá, o Intasa San Sadurniño e o Club Vigo Voleibol acadaron o billete para o choque decisivo, mentres que o Arenal Emevé e o Rotogal Boiro completaron a súa participación na rolda previa.
No encontro final da tarde, o Intasa San Sadurniño logrou imponse ao Club Vigo Voleibol nun partido moi completo por parte de ambos conxuntos, erguendo así o trofeo da Copa Xunta de Galicia 2026.
Dende a Federación Galega de Voleibol queremos felicitar aos campións e a todos os clubs participantes polo seu nivel competitivo, así como agradecer á afección a súa gran asistencia no Pavillón de Elviña para dar o mellor pistoletazo de saída á tempada 2026/27.




