
- A galega asume a área de formación, avaliación, seguimento e coordinación arbitral co foco posto no acompañamento e desenvolvemento dos novos talentos.
- Conta cunha destacada traxectoria en Superliga 2, fases de ascenso e múltiples Campionatos de España tanto en pista como en vólei praia.
A Federación Galega de Voleibol reforza a estrutura do Comité Técnico Galego de Árbitros (CTGA) para esta tempada coa incorporación de Raquel López-Brea. A colexiada sumouse para asumir a responsabilidade da formación, avaliación, seguimento e coordinación arbitral na comunidade.
Nesta nova etapa, a labor de López-Brea centrarase de xeito moi especial en acompañar, titorizar e orientar ás e aos árbitros máis novos que se están a incorporar ao colectivo galego. O obxectivo prioritario desta área é garantir un desenvolvemento progresivo, pedagóxico e de calidade para a arbitraxe de base en Galicia.
Unha traxectoria consolidada no ámbito autonómico e estatal
Raquel López-Brea afronta este reto co respaldo dunha sólida e constante traxectoria tanto na pista coma na praia. Afronta a súa terceira tempada na Superliga 2 de voleibol en pista, categoría na que se consolidou como unha referencia.
A nivel estatal, acumula unha ampla experiencia na xestión de competicións de alto nivel. En pista, estivo presente en tres edicións consecutivas do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) nos anos 2022, 2023 e 2024, ademais de dirixir encontros nos Campionatos de España nas categorías Infantil Feminino, Júnior Feminino e Infantil Masculino. Así mesmo, vén de arbitrar a Fase de Ascenso a Superliga 2 en 2026 e a Fase de Ascenso a Primeira Nacional en 2025.
No eido do vólei praia, a súa presenza nos Campionatos de España tamén foi constante nos últimos anos, estando presente nas edicións de 2023 (categorías Cadete e Sub-19), 2024 (Sub-19) e 2025 (Infantil e Sub-19).
Coa súa incorporación, a FGVB dá un paso máis na profesionalización e apoio ao colectivo arbitral galego, apostando pola formación continua e a arbitraxe de futuro. Benvida Rachel !




