A piques de comezar a temporada de Vólei Praia deste 2022, a familia do voleibol galego quere dar a benvida a un novo club con sede en Oleiros. Falamos con Lucas Fernández, un dos integrantes desta nova iniciativa que se creou en parte grazas ao proxecto «A Coruña é Volei Praia».
Como xurdiu a idea de realizar un club?
Empezamos a xogar despois da pandemia debido a querer saír de casa (e que algúns amigos estiveran vendo vídeos e «animes» de voleibol). Desde o verán de 2020 empezamos a xogar, e pouco a pouco se unía máis xente. Ao final tamén coñecemos a outros grupos de Coruña e Oleiros que xogaban de maneira casual e co Campeonato de España de Clubs de Voley Playa de A Coruña 2021, acabamos por decidirnos por montar o club.
Onde vos situades e cantas persoas compoñen o club?
Atopámonos habitualmente nas praias de Orzán, Oza, Santa Cristina ou Bastiagueiro (segundo sopre o vento e en función do desprazamento). Actualmente de maneira formalizada somos uns 20, aínda que por temas de traballo e estudos adoitamos xogar un grupo de 8. Normalmente xuntámonos con outras persoas que tamén lles gusta xogar e están en clubs de pista ou simplemente non queren unirse a un club.
Como organizaredes os adestramentos?
Polo momento, ao ser algo nos seus primeiros estadíos, non temos unha organización clara de entrenos. Xogamos sempre que non nolo impide o tempo ou o traballo, habitualmente os fin de semanas durante toda a tarde do sábado e domingo.
Cal vosa filosofía como club?
Tentar desenvolvernos como xogadores, coñecendo cada vez máis do voleibol que nos pareceu un deporte precioso e adictivo debido ao seu dinamismo e contacto coa natureza e as persoas. Gustaríanos simplemente alcanzar cada vez a máis xente para poder compartir un hobbie incrible e ter un grupo que poida axudar a crecer neste mundo, aínda que sexa a nivel básico, ademais de xerar lazos con xente cos mesmos intereses.
E que obxectivos vos marcades a curto-medio prazo?
Polo momento ter unha organización máis clara, xa que debido á nosa situación somos realmente colegas que practicamente todo o seu tempo libre dedícano a xogar. Gustaríanos empezar a competir na liga de voleibol praia xa que temos varios xogadores interesados. A medio prazo (uns 2-3 anos), gustaríanos ser capaces de competir a un bo nivel galego e ter uns entrenos, horarios e xogadores definidos.
En que categorías participaredes?
Todos os nosos integrantes están na categoría de sénior, polo que actualmente buscaremos a masculina sénior, xa que soamente temos unha muller que xoga regularmente como para competir, polo que actualmente en feminino senior non dispoñemos de persoas suficientes.
Tedes redes sociais? Como se poden poñer en contacto con vos?
A nosa dirección é lostregoclubdevolei@gmail.com . Actualmente temos un Instagram co nome de Lóstrego, club de voleibol, onde en ocasións subimos vídeos e a medida que vaiamos mobilizándonos subiremos contido relacionado con entrenos, xogadas e eventos.
Algún agradecemento a algunha entidade ou alguén en especial pola súa axuda?
En primeiro lugar a vós, a Federación Galega de Voleibol, xa que nos destes apoio e axuda durante todo o proceso, ademais de que nos fixestes dar o paso para montar o club. Logo tamén temos un par de patrocinadores que nos apoiaron economicamente: Cambio Psicoloxía Clínica, Portabales Asesores, LANI, Oronion Jewelry, Esproycon Coruña e Müller Dojo Academy.