Durante os tres próximos fins de semana, no pavillón Manuel Coto Ferreiro da Estrada, levaranse a cabo os Campionatos Galegos de Voleibol para determinar aos campións da tempada 2024. Estas finais organizadas pola Federación Galega de Voleibol en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o Concello da Estrada e GADIS marcan o punto culminante da tempada de voleibol en Galicia.
Á presentación de hoxe no Concello da Estrada asistiron o Tenente alcalde D. Juan Constenla, o xefe do Servizo Provincial de Deportes D. Daniel Benavides e o Secretario da Federación Galega de Voleibol D. José Ramón Baña.
Inclúen categorías desde infantís ata sénior, tanto en competicións masculinas como femininas, e os partidos terán un impacto directo na selección dos representantes galegos para o Campionato de España de clubs.
En total disputaranse 8 encontros por día, cun total de 40 partidos ao longo do mes de abril. As 4 semifinais celebraranse pola mañá, quedando os terceiros e cuartos postos e as finais para a quenda de tarde.
Nesta competición participarán clubs de toda Galicia, cunha estimación de máis de 500 persoas entre xogadores/as e técnicos, sen contar os afeccionados que se desprazarán para animar aos seus equipos.
As datas e finais serán as seguintes:
- Sábado 13 Abril – Final CG masculino e feminino Infantil.
- Domingo 14 abril – Final CG masculino e feminino Júnior.
- Sábado 20 abril – Final CG masculino e feminino Cadete.
- Domingo 21 abril – Final CG masculino e feminino Xuvenil.
- Sábado 27 abril – Final CG masculino e feminino Sénior.