
O anexo do Pavillón dos Remedios foi o escenario esta fin de semana da gran festa do voleibol ourensán coa celebración das finais da 39ª edición da Copa Deputación. Ao longo de toda a xornada disputáronse numerosos encontros para decidir aos campións nas diferentes categorías, nun ambiente cargado de emoción, esforzo e deportividade. Coas bancadas ateigadas de familiares e afeccionados, os equipos ofreceron un gran espectáculo no que supuxo o peche da tempada para moitos deles.
Na categoría infantil feminina B, o club Voleyourense logrou meter aos seus dous equipos na final, alzándose co título o conxunto Voleyourense Morado 1. Na infantil feminina A, o Voleyourense Azul superou ao DompaVolei, mentres que na infantil masculina, o Voleyourense impúxose ao Club Voleibol Verín, asinando así un dominio absoluto do club recentemente ascendido a Superliga 2 nesta categoría.
Na cadete feminina B, tras unha fase previa de todos contra todos entre catro equipos, o Club Voleibol Verín clasificouse para a final, onde se enfrontou ao DompaVolei Lagoas 1, que rematou proclamándose campión tras un axustado 2-1. Na cadete feminina A, o título foi para o Voleyourense Azul, que venceu ao DompaVolei CF1. Na cadete masculina, o título tamén quedou na casa: levouno o equipo azul do Voleyourense, tras vencer ao conxunto morado do mesmo club.
Como novidade destacable, tanto nas categorías cadete como infantil femininas celebráronse Copas A e B, co obxectivo de fomentar a participación dun maior número de equipos, tanto de primeira como de terceira división autonómica e provincial. Esta estrutura permitiu equilibrar o nivel dos enfrontamentos, repartir máis trofeos e ofrecer máis espectáculo ao público.
Na categoría xuvenil feminina, o Voleyourense Morado alzouse co título tras remontar un primeiro set adverso ante o DompaVolei XF2. Pola súa banda, na sénior feminina, o conxunto DompaVolei Sénior impúxose ao DompaVolei Xuvenil, nun emocionante duelo xeracional que puxo fin á xornada matinal.
Na entrega de trofeos participaron representantes tanto do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia como da Excma. Deputación Provincial de Ourense, nun xesto de apoio e recoñecemento ao esforzo dos clubs e deportistas durante toda a tempada.
Pola tarde, celebráronse as semifinais e final da Copa Deputación Sénior Masculina. O DompaVolei SM1 impúxose ao seu equipo 2, mentres que o Voleyourense venceu ao Dompa O Barco, clasificándose ambos para unha gran final que non defraudou. Nun tie-break de infarto, o Voleyourense logrou impoñerse ao DompaVolei A, proclamándose campión tras unha demostración de entrega e superación.
Con esta xornada ponse fin á tempada oficial 2024/2025. Agora chega o momento de descansar, reflexionar e comezar a planificar desde os despachos a próxima campaña. Desde a organización agradécese a participación de todos os clubs, deportistas, familias e afeccionados, tanto no pavillón como a través das redes sociais, por ter feito posible unha xornada inesquecible para o voleibol ourensán.










