
O calendario do vólei praia galego engade este verán unha nova cita destacada coa celebración da primeira edición do Rei da Granxa Voley Fest, unha competición que chega con forza e ilusión, converténdose nunha das grandes novidades da tempada.
O venres 25 de xullo pola tarde celebrarase un evento de inauguración das instalacións, cun torneo amateur 3×3, aberto a todas aquelas persoas que desexen gozar do vólei praia nun ambiente máis distendido e festivo.
O evento federado terá lugar os días 26 e 27 de xullo nas pistas de vólei praia situadas xunto ao Restaurante A Granxa, en San Sadurniño, e reunirá ás mellores parellas galegas, tanto na categoría masculina como na feminina, que competirán baixo o sistema de dobre eliminación con fase previa.
As xornadas comezarán o sábado 26 coa fase previa a partir das 16:00 horas (hora orientativa) e culminarán o domingo 27 co cadro final desde as 09:00 horas. A participación está reservada exclusivamente a xogadores federados, e a orde de entrada na competición será determinada polo Ranking Nacional de Vólei Praia e pola orde de inscrición.
A organización entregará trofeos ás tres primeiras parellas clasificadas de cada categoría e un premio económico proporcional ao número de participantes en cada unha delas.
A inscrición ten un custo de 15€ por persoa e xa está dispoñible a través do formulario oficial do torneo antes do martes 22 as 14:00 horas.
Desde a Federación Galega de Voleibol damos a benvida a esta nova proba que nace coa vontade de consolidarse no circuíto e de seguir impulsando o crecemento do vólei praia en Galicia.




