A volta da competición de Volei Praia en Galicia, despois do parón do verán pasado a causa da pandemia producida pola COVID-19, propúxose dende a Federación coma unha aposta directa por un deporte que cada ano ten máis presenza nas praias galegas, e que se segue a consolidar pese as dificultades sanitarias. O calendario constou de 15 probas oficiais repartidas por toda Galicia, en colaboración con entidades públicas e privadas, abranguindo dende as categorías inferiores ata o circuito Senior.
O Circuito Galego de Volei Praia de Categorías Inferiores, inicialmente composto por 4 probas, fixo as delicias dos/as máis pequenos/as do noso deporte nas localidade de Ézaro, Malpica e A Coruña, esta última dando comezo ao proxecto «A Coruña é Volei Praia» na praia de Riazor. Cunha alta participación en tódalas súas probas, os rapaces e rapazas galegos demostraron que hai futuro no Volei Praia Galego.
Con respecto á competición Senior, o reconto final suma 5 probas federadas realizadas grazas ao acordo ca empresa Verán deportivo, as 3 do circuito Vichy Catalán Volei Praia Galego, o Torneo Cidade de Ourense e as dúas competicións nacionais celebradas en Galicia, como foron o Campeonato de España Infantil de Clubs de Ézaro e o Campeonato de España Senior de Clubs de Voley Playa.
Con respecto ao Ranking Galego de clubs , o Club Volei Praia Vigo acadou o máis alto na clasificación Senior, cun total de 17.632 puntos, seguido do Club Milenio Ourense e do Club Ourense Volei Praia. No tocante á clasificación das Categorías Inferiores, o Club Ourense Volei Praia acadou a máxima puntuación cun total de 22238 puntos, sendo o segundo posto para Club Volei Praia Vigo e o terceiro para o Dumbría Voleibol.
Dende a Federación Galega de Voleibol agradecemos a todos os concellos e autoridades locais que durante este verán de 2021 fixeron posible que os/as nosos/as deportistas desfrutaran da súa paixón. Do mesmo xeito, tamén queremos agradecer ás empresas privadas e colaboradores que apostaron polo noso deporte, así coma aos clubs locais pola súa implicación e aos xogadores, adestradores/as, árbitros e familiares que foron parte fundamental nas diferentes probas do noso calendario e que citamos para a próxima tempada 21/22.