Nesta pasada fin de semana do 13 e 14 de abril de 2024 o voleibol galego demostrou a súa forza nos planos deportivo e organizativo, así coma o apoio do público e afeccionados ca celebración de ata 5 grandes eventos na nosa comunidade autónoma.
Os Preeuropeos celebrados en Dumbría e Cambados, con éxito no deportivo para as Seleccións Españolas Sub18 e con aforos completos nos pavillóns de O Conco e O Pombal, demostraron que grazas á implicación da Federación, institucións e clubs locais a comunidade galega de voleibol está máis que preparada para albergar eventos de carácter europeo dun xeito notorio.
A final da Liga Nacional de Vóley Playa, organizada polo Club Vólei Praia Vigo, fixo mostra unha vez máis da calidade organizativa dos galegos tamén no vólei praia, levando a cabo un novo evento de carácter nacional nas nosas praias.
Por último e non menos importante, o voleibol galego celebrou as súas finais do Campionato Xunta de Galicia en dúas pistas simultáneas no Pavillón Municipal Coto Ferreiro de A Estrada, coroando aos Campións e Campioas Galegos das categorías infantil e júnior.
Dende a Federación Galega de Voleibol queremos agradecer e felicitar aos Concellos de Cambados, Dumbría, Vigo e A Estrada pola implicación e axuda nestes eventos, empresas colaboradoras, clubs locais e a todos os afeccionados e afeccionadas do noso deporte que se desprazaron para demostrar que Galicia segue crecendo no deporte do voleibol.