
A Federación Galega de Voleibol ten o pracer de confirmar que a cidade de Lugo será a sede do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026, que se celebrará do 25 ao 28 de xuño de 2026. Esta competición, considerada a cita máis relevante do calendario nacional en categorías de base, reunirá ás mellores seleccións autonómicas do voleibol español nas categorías infantil e cadete, tanto en categoría feminina como masculina.
Con esta designación, Galicia e Lugo continúan consolidándose como unha sede de referencia para a organización de grandes eventos deportivos, reforzando a súa aposta polo deporte base, a formación de novos talentos e a promoción do voleibol a nivel estatal, sendo o CESA unha oportunidade única para que os e as deportistas máis novos compitan ao máximo nivel e continúen o seu proceso de crecemento deportivo e persoal.
Este evento contará cunha infraestrutura de primeiro nivel para dar resposta á alta esixencia competitiva, despregando un total de 16 pistas de xogo repartidas en 4 instalacións deportivas estratéxicas da cidade. Destaca especialmente o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, que albergará 9 destas pistas, converténdose no gran centro neurálxico do torneo. Ademais, a edición de 2026 marcará un récord histórico de participación de seleccións, reafirmando o crecemento imparable do voleibol e a confianza da federación nacional na capacidade organizativa de FGVB e da cidade de Lugo.
Ademais do seu valor deportivo, o Campionato de España de Seleccións Autonómicas 2026 terá un importante impacto social, turístico e económico para a cidade de Lugo e a súa contorna. A estimación do volume de persoas que mobiliza este campionato supera as 3.000 persoas ao longo dos días de competición. Delas, arredor de 1.300 corresponden aos integrantes das distintas seleccións autonómicas, entre deportistas, corpos técnicos, delegados e persoal federativo, aos que se suman máis de 2.000 acompañantes, ao tratarse dun evento de categorías inferiores.
No acto participaron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, xunto co presidente da Real Federación Española de Voleibol, Felipe Pascual; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García Fernández; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; a deputada de Cultura, Iria Castro; o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna; o concelleiro Alexandre Penas; o xefe do servizo de Deportes da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, Manuel Otero Méndez ‘Cadramón’, e o xerente da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López.
Desde a Federación Galega de Voleibol queremos expresar o noso agradecemento ao CSD, á Real Federación Española de Voleibol, á Xunta de Galicia , á Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo, o Pazo de feiras e Congresos de Lugo e aos clubs locais Arenal Emevé, Xabaríns Vólei Lugo e CV. Muralla, cuxa implicación, colaboración e coñecemento do territorio resultan clave para facer posible a organización dun evento desta envergadura. O seu compromiso co fomento do deporte base e coa promoción do voleibol contribúe de maneira decisiva a consolidar un proxecto deportivo sólido e de futuro en Galicia.





