

Informa CV Ourense. O Aceites Abril Club Voleibol Ourense alzouse co título de Campión da Fase Final da Primeira División Nacional Feminina de Voleibol que se disputou durante esta fin de semana no Polideportivo O Pompeo, o que lle dá dereito a disputar a próxima tempada na Superliga Feminina de Voleibol.
O equipo ourensán gañou cun voleibol de gran nivel na gran final ao equipo catalán do Sant Quirze del Vallès por tres sets a cero nun partido no que foi levado en volandas polos afeccionados que ateigaron o polideportivo O Pompeo. Os parciais de 25-21, 25-15 e 25-22 deixaron ben claro a igualdade dunha final onde as pupilas de Pablo Pérez levaron sempre a iniciativa no marcador.
A xogadora máis valiosa do torneo tamén foi unha xogadora local, xa que a colocadora do Aceites Abril, Patri González, conseguiu redondear unha competición sobresaínte, á que chegaba mermada fisicamente debido a unha recente lesión no nocello.
Cómpre destacar o enorme esforzo realizado por todas as xogadoras do conxunto ourensán durante os tres días de competición, nos que tiveron que afrontar catro encontros de enorme igualdade, co conseguinte desgaste físico.
Na primeira fase de grupos, o Aceites Abril compartiu competición no grupo A co conxunto catalán do Sant Quirze del Vallès e o Fuentes de Andalucía sevillano, onde se produciu un triplo empate, xa que todos os partidos remataron co mesmo tanteo de tres sets a un. Polo tanto, tivo que recurrirse ao coeficiente particular de puntos a favor e en contra, que lle outorgou o primeiro posto ao Aceites Abril e o segundo ao Sant Quirze, conseguindo así o pase ás semifinais.
No grupo B a igualdade tamén foi a nota predominante, xa que todos os equipos gañaron tamén un partido, pasando ás semifinais a Universidade de Granada como primeiro clasificado e o Vallbona Decoexsa Granollers como segundo, quedando eliminado o Sayre canario, que era un dos grandes favoritos da competición.
Nos partidos de semifinais da xornada do sábado pola tarde a emoción desbordouse, xa que o Sant Quirze del Vallès desfíxose da Universidade de Granada por tres sets a un (23-25, 25-20, 25-15 e 25-23) e o Aceites Abril protagonizou unha inesquecible remontada fronte ao Vallbona Decoexsa de Granollers nun partido que durou preto de dúas horas e cuarto e rematou cun tanteo de (21-25, 17-25, 25-15, 25-21 e 15-4), que provocou o delirio en O Pompeo pasada a medianoite.
O terceiro posto do torneo foi para o Vallbona de Granollers, que derrotou á Universidade de Granada noutro partido a cinco sets (19-25, 23-25, 25-20, 25-23 e 11-15), demostrando a enorme igualdade entre os seis equipos desta fase final, desplegando un voleibol de altísimo nivel.
Para a gran final fronte ao conxunto catalán do Sant Quirze, o adestrador local Pablo Pérez dispoñía ao completo de toda a súa plantilla: Patri, Gladys, Paola, Parga, Bego, Candela, Krisvany, Itziar, Alba, Diéguez, Sara, Nerea e Lucía, que fixeron que O Pompeo fora o xogador número oito que empuxou o equipo nos momentos clave. As ourensás levaron a iniciativa en todos os sets, xogando con gran aplomo e consistencia en todas as liñas, cunha Nerea Piñeiro na labor de líbero que foi decisiva en todos os partidos, xunto coa capitá Gladys e a consistencia da colocadora Patri, que soubo dirixir con mestría o xogo ofensivo cara a Paola, Diéguez, Parga e Krisvany, que golpeaban unha e outra vez a defensa rival.
As ourensás impuxéronse na gran final por un marcador de 25-21, 25-17 e 25-22 ao conxunto de Granollers, ao que xa derrotaran na fase de grupos, e que lle dá ao club ourensán o seu primeiro título de campión dunha competición nacional na súa categoría sénior, supoñendo un recoñecemento ao gran traballo realizado polo Club Voleibol Ourense nos últimos anos no desenvolvemento deste deporte en Ourense, con máis de douscentos cincuenta nenos e nenas nas súas categorías de base.