
O #voleigalego de base non detén o seu ritmo. Tras a presentación da proba que viviremos próximamente en Rianxo, o evento trasládase agora á vila de Marín. O vindeiro sábado 11 de abril, as instalacións do Colexio San Narciso converteranse na sede oficial para recibir aos equipos da categoría alevín nunha nova xornada de deporte e convivencia.
Esta proba, que supón a seguinte parada no calendario federativo tras a cita rianxeira, é posible grazas ao impulso do Concello de Marín, a Deputación de Pontevedra e o CD Sei San Narciso, que apostan decididamente por fomentar a práctica deportiva dende as idades máis temperás.
Inscrición e participación: Mantendo a normativa habitual para estas xornadas de formación e competición, cada club poderá inscribir ata un máximo de 5 equipos. Estes deberán estar integrados por un mínimo de 4 deportistas e un máximo de 10. A tramitación realizarase enviando o modelo G11 ao correo oficial da Federación: correo@volei.gal.
Prazos de xestión para os clubs: Co obxectivo de coordinar a loxística do evento en Marín, establécense as seguintes datas límite:
- Luns 6 de abril (20:00h): Último día para a tramitación de licenzas individuais.
- Martes 7 de abril (20:00h): Peche do prazo de inscrición de equipos (G11).
- Mércores 8 de abril: Publicación das listaxes provisionais de equipos.
- Xoves 9 de abril: Publicación das listaxes definitivas e cadros de xogo.
Dende a FGVB animamos a todos os clubs a participar nesta nova oportunidade para que os máis pequenos e pequenas sigan sumando horas de voo na pista nunha contorna inmellorable.
Descargue o formulario G11 na seguinte ligazón.




