
O traballo de tecnificación das seleccións galegas de vólei praia contará este mes de xaneiro cunha xornada de especial relevancia, coa visita de técnicos do Centro Internacional de Vólei Praia de Lorca.
O sábado 17 de xaneiro, o Complexo Deportivo de Oira acollerá unha xornada especial de observación e control co grupo de tecnificación das Seleccións Galegas de Vólei Praia. Esta actividade forma parte das iniciativas da Real Federación Española de Voleibol (RFEVB) orientadas á avaliación e seguimento do traballo dos deportistas en fase de formación avanzada.
Durante a sesión estarán presentes Pablo Díaz Martínez, responsable das categorías de base masculinas das seleccións nacionais e da concentración permanente, e Mauro Hernández, encargado das categorías femininas. A súa participación permitirá aos xogadores e xogadoras galegas recibir feedback directo de técnicos de referencia, ademais de contrastar metodoloxías e mellorar o seu desenvolvemento técnico.
Desde a FGVB destacan a importancia deste tipo de encontros, que non só reforzan a formación dos deportistas, senón que tamén consolidan a colaboración coa RFEVB e impulsan a proxección do vólei praia galego a nivel nacional.
Tamén queremos expresar o noso agradecemento á Deputación de Ourense e ao Concello de Ourense polo seu apoio e colaboración, fundamentais para facer posible o desenvolvemento desta xornada no Complexo Deportivo de Oira. O seu compromiso co deporte e coa promoción do vólei praia resulta clave para seguir impulsando iniciativas de formación e tecnificación que contribúen ao crecemento do noso deporte en Galicia.




